Ola a todos dende Valdeorras Vive! Hoxe queremos compartir a nosa emocionante experiencia no proxecto 'Mind Matters' en Hungría, organizado pola asociación Európa Ifjúsága Egyesület no encantador condado de Fejér, a zona rural na que traballan co programa Erasmus+. Contámosvos como foi a experiencia!
Como é habitual nos cursos de formación Erasmus+, estivemos rodeados de participantes de toda Europa. Traballadores xuvenís, profesores e persoas interesadas na saúde mental xuntáronse para explorar temas importantes xuntos. Afondamos nas discusións sobre os trastornos máis comúns, o estigma asociado á saúde mental e como apoiar aos mozos en situacións difíciles.
Pero non todo foi traballo, tamén houbo moita diversión! As noites interculturais foron unha explosión de risas e descubrimentos, compartindo música, baile e delicias culinarias de cada país representado. Ademais, tivemos a oportunidade de participar en actividades emocionantes como paseos a cabalo e tiro con arco, que nos axudaron a conectar aínda máis coa natureza e entre nós.
Queremos agradecer a organización do evento, que foi impecable en todos os aspectos. Os dinamizadores guiáronnos con paixón e profesionalidade a través dun tema tan importante como complexo de tratar.
E agora, pasemos ao importante: os testemuños. María comparte: "O ambiente cos meus compañeiros foi magnífico. Tamén a coordinación do equipo húngaro foi excepcional. E a orientación de Richi, o facilitador. Aprendín moito autocoñecemento, amigos de toda Europa, e técnicas de regulación emocional."
Pola súa banda, Ainhoa cóntanos: "O proxecto foi sobre a saúde mental. Fíxose gran fincapé no benestar persoal e nas técnicas de autocoidado. Déronnos estratexias e ferramentas para axudarnos a xestionar as emocións propias e alleas. O organización, as actividades, o lugar, os dinamizadores, os participantes... ¡TODO XENIAL! Quiteime desta experiencia xente marabillosa, empática e atenta ao benestar dos demais. Foi incrible".
Outro dos participantes, Jorge, dinos: "Foron días marabillosos nun entorno natural que acompañou moi ben o tema formativo. A organización é encantadora e o ambiente que se creou no grupo foi moi agradable" experiencia de aprendizaxe auténtica en e para todos os sentidos".
En definitiva, 'Mind Matters' non só nos aportou valiosos coñecementos sobre saúde mental, senón que tamén nos deu momentos inesquecibles e amizades de toda Europa. Ata a próxima aventura!
Comments