top of page
Writer's pictureValdeorras Vive

O Camiño de Santiago... en Estonia?

Así é, por afastado e descoñecido que pareza, este pequeno país báltico tamén ten o seu propio itinerario no Camiño de Santiago. Tamén nos sorprendeu cando o descubrimos, despois de facer o Camiño de Inverno cun grupo de mozos de Estonia, hai un par de veráns. Así xurdiu a idea, e así o descubrimos por fin a pé nun novo intercambio xuvenil que atravesou toda Estonia de norte a sur.



Contámosvos como foi esta incrible experiencia #erasmusplus!

Como vos contamos, durante o mes de xullo fomos de peregrinación ata Estonia. En colaboración con asociacións de Italia, Bosnia e Hercegovina, Xeorxia e Estonia, xunto coa anfitriona Ethos MTÜ, un grupo multicultural de 27 mozos percorremos o país comezando en Tallin e rematando en Pärnu, na costa sur, á beira do mar Báltico.

Camino Estonia non é algo que nós inventamos, xa que forma parte dunha gran rede de Camiños de Santiago que existe por toda Europa, e é unha proba de que o Camiño "comeza diante da porta da túa casa", así como do interese que esperta en todo o mundo. É un gran orgullo ver como se valora e coñece como un selo que sitúa a Galicia no mapa alá por onde camiñemos.

Como mostra da súa oficialidade, o Camiño Estonio ten o seu propio pasaporte de peregrino, que selabamos etapa tras etapa en cada pequena igrexa ou lugar que nos atopabamos. Chegar a Santiago a pé foinos un pouco lonxe, pero é incrible ver como incluso marcaron todo o percorrido con adhesivos. Puidemos coñecer todos estos detalles coa súa principal promotora Epp Sook, a presidenta da asociación Camino Estonia.

Que fixemos durante estes dez días? Pois camiñar e camiñar, con traxectos longos de ata 30 quilómetros diarios, que se fixeron máis levadeiros grazas a que Estonia é un dos países máis chairos do mundo. Abonda con engadir que a súa cota máxima é un outeiro de 300 metros que se chama Suur Munamägi, "o gran ovo". Pero aínda sen montañas, os seus bosques de abetos, lagos e chairas infinitas son un espectáculo para explorar a pé.

Durante esta experiencia, tivemos a oportunidade de mergullarnos na historia e tradicións locais, percorrer o país de aldea en vila e asistir a obradoiros sobre o tema da peregrinación, a relación da mocidade coa natureza e a saúde mental. Pequenas cidades con nomes estraños como Marjamaa, Pärnu Jagupi ou Kivi Vigala recibíronnos cunha enorme hospitalidade, onde tamén puidemos acampar ao aire libre durante varios días seguidos.


Velaí a nosa cara de felicidade cando despois dun longo día de senderismo atopamos... unha granxa de alpacas!

E para rematar a ruta chegamos a Pärnu, a chamada capital do verán de Estonia, onde fomos recibidos nun centro xuvenil (Sauga ANK) que nos deixou a todos impresionados. Incluso tiña unha cociña propia e unha sala de teatro e actividades onde pasamos os últimos días desta experiencia.


Grazas a todos os que nos acompañastes, vémonos na próxima en Valdeorras!

Lucas Docampo


Comentários


59452192_314183905926127_2046126220860456960_n.jpg
mdsa.gob_.injuve.png
EN_Co-fundedbytheEU_RGB_POS.png
bottom of page