Na nosa primeira entrada do blog contámosche en que consisten os Intercambios Xuvenís do programa Erasmus+, unha oportunidade pouco coñecida do programa para viaxar e descubrir outras culturas, xa que son intercambios multiculturais de mozos de varios países arredor de temáticas sociais moi diversas.
Agora é o momento de falar doutro tipo de proxectos Erasmus+ que se adoitan confundir cos anteriores, pero que son moi diferentes: os cursos de formación no estranxeiro. ou Training Courses.
Un Training Course é, ao igual que os Youth Exchanges, un proxecto do programa Erasmus+, financiado pola Comisión Europea, pero que se diferencia dos anteriores en que está dirixido a persoas activas no ámbito da mocidade (traballadores/as xuvenís, educadores/as, membros de asociacións xuvenís ou voluntarios/as neste eido ). O seu obxectivo principal é promover a mobilidade e a formación internacional a través de cursos nos que participan persoas de distintos países europeos.
Nun Training Course preténdese reforzar as capacidades educativas e laborais dos participantes, a través da educación non formal baseada nas oito competencias clave. A súa estrutura e obxectivos son diferentes aos dun Youth Exchange, a pesar de ter moitos elementos en común.
En definitiva, tanto os Training Courses como os Youth Exchanges son intercambios que duran entre 5 e 21 días, os gastos son cubertos polo programa Erasmus+ (viaxes, aloxamento, comidas e actividades) e participantes de varios países reúnense para aprender nun ambiente de educación non formal arredor dun tema específico.
Como podo saber se é interesante para min participar nun Training Course?
Se es unha persoa activa ou con vocación de aprender no ámbito da educación e a mocidade, ou simplemente queres facer voluntariado na túa comunidade, ampliar as túas perspectivas internacionais ou mellorar as túas competencias transversais, os Training Course son unha oportunidade única.
A diferenza dos Youth Exchanges, nun Training Course non hai límite de idade (a partir dos 18 anos). polo que atoparás un colectivo máis diverso e algunhas persoas con máis experiencia en educación non formal e mocidade. Se, pola contra, buscas unha primeira toma de contacto co programa Erasmus+ e é a túa primeira experiencia no estranxeiro, recomendámosche comezar cun Youth Exchange.
Texto: Lucas Docampo
댓글